martes, 25 de octubre de 2022

 

CONCURSO DE MICRORRELATOS DE TERROR





BASES DA CONVOCATORIA

Concurso de microrrelatos de “Halloween e Samaín no CIFP As Mercedes” no 2022

Con motivo da celebración do Halloween e o Samaín no CIFP As Mercedes este curso 2022-2023, A Biblioteca do CIFP As Mercedes, o Equipo de Dinamización de lingua galega e o Departamento de Inglés convocan un concurso de microrrelatos no que rexerán as seguintes bases:

1.Temática: Os textos que se presenten terán como tema o Halloween, o Samaín ou ser un microrrelato de terror.

2.Orixinais: Os microrrelatos presentados deberán ser orixinais e inéditos, non deberán ter sido premiados previamente nin deben ser presentados de forma simultánea a outros certames. Cada concursante, que será alumno ou alumna do CIFP as Mercedes durante o curso 2022-2023, pode presentar un único microrrelato a cada categoría.

3.Categorías: Establécense dúas categorías de participación. Unha de microrrelatos en galego e outra de microrrelatos en inglés.

4.Extensión: Os microrrelatos terán unha extensión máxima de 200 palabras.

5.Presentación: Os textos serán orixinais e inéditos e enviaranse, cun Título, o nome do autor ou da autora e o ciclo, curso e grupo que corresponda coa matrícula do alumno ou da alumna, por correo electrónico á seguinte dirección: biblioteca@cifpasmercedes.org. No asunto do e-mail deberá constar: “Concurso de microrrelatos de Halloween” ou “Concurso de microrrelatos de Samaín”.

6.Prazo: O prazo de presentación dos microrrelatos comezará o 19 de outubro de 2022 e rematará o 28 de outubro de 2022.

7.Premios: Haberá un primeiro e segundo premio en microrrelatos en galego e un primeiro e segundo premio en microrrelatos en inglés.

8.Dereitos: A biblioteca terá dereito a reproducir, publicar e difundir os microrrelatos gañadores. As autoras e os autores autorizan a difundir os seus textos na web e nas redes sociais do centro e da Biblioteca do instituto.

9.Xurado: estará composto por membros do equipo da Biblioteca, do equipo de dinamización da lingua galega e do departamento de inglés do CIFP As Mercedes.

10.Criterios: A valoración basearase na orixinalidade, creatividade, calidade literaria e adecuación á temática do concurso.

11.Fallo: O fallo do xurado farase público o día 3 de novembro de 2022, publicándose no Blog e no Instagram da Biblioteca do CIFP As Mercedes.

12.A participación no concurso supón a aceptación destas bases e o incumprimento das mesmas ou dalgunha das súas partes dará lugar á exclusión do concurso.